Sunday 05 de May de 2024

O mercado dominical de Padrón volve con máis do 60% dos seus postos de venda


 

Para garantir que todos os vendedores poden volver a súa actividade o Concello estableceu quendas para que abran en domingos alternos // Os polbeiros tamén retoman a súa actividade respectando o límite de reducir a súa capacidade de ocupación ao 75%

O mercado de Padrón retoma a súa actividade ao 60% aproximadamente na nova normalidade. Antes da pandemia global da Covid-19 o mercadillo de Padrón estaba composto por 550 postos, agora dadas as medidas de seguridade e hixiénico-sanitarias establecidas polas autoridades sanitarias para regular a nova normalidade, en total haberá preto de 350 postos, o que significa que o mercadillo retoma a súa actividade a máis do 60%. A distancia mínima que deben manter os puntos de venda debe ser de 1,5 metros, se ben todos aqueles que instalen unha mampara de metracrilato, plástico, tela ou lona para evitar o contacto, poderán acortar esta distancia.
Malia que a Xunta permite que os mercados abran en nova normalidade co 75% dos postos, en Padrón dadas as dimensións desta feira retomaran a actividade a máis do 60% para ser coidadosos coas distancias. Por outra banda, para que todos os comerciantes poidan reabrir os seus puntos de venda, dende o Concello de Padrón estableceron un sistema de quendas, polo que os postos abrirán en domingos alternos.
Por exemplo, no caso do Espolón un domingo abren os da fila central, e o domingo seguinte abren os postos da marxe esquerda e da dereita.
As normas establecen que os vendedores teñen que ter xel hidroalcohólico, que os usuarios deben levar máscaras e gardar as distancias de seguridade. Ademais o concelleiro de Mercados sinalou que “a xente debe comprender que aínda que estamos en nova normalidade, temos que seguir sendo moi cautos para que non volva darse unha situación de contaxios masivos”.
O mercado estará vixiado polos equipos de Polícia Local, por persoal dunha empresa de vixilancia contratada polo Concello, o GES e Protección Civil. Así mesmo, nos momentos previos e posteriores ao mercado un equipo de limpeza procederá á desinfección profunda destes espazos.

Os polbeiros retoman a súa actividade
Esta fin de semana tamén retoman a súa actividade, os polbeiros, que volven ao mesmo espazo coa súa capacidade de ocupación reducida ao 75%. En Padrón volven os cinco polbeiros que instalaban as súas carpas no Souto. Se ben, agora teñen que garantir as distancias de 1,5 metros entre os seus clientes, como marca a norma autonómica. O plan trazado polos polbeiros co equipo do Concello pasa por dispoñer en zig-zag as súas mesas.